Máis de setenta titulados aspiran a participar nun curso de reorientación laboral

    RIBEIRA> Unhas setenta persoas acudiron ó Auditorio Municipal con motivo da inminente celebración dun programa especializado de formación dirixido á reorientación laboral ao ámbito comercial das persoas participantes. Esta actividade está promovida pola consultoría Bidef coa colaboración do concello e consistirá no desenvolvemento dunha primeira parte de formación teórica e unha segunda caracterizada pola realización de prácticas en empresas O representante da entidade, Julio Pose, explicou ós aspirantes os rasgos desta iniciativa nun acto que contou coa presenza do tenente de alcalde Juan Luis Martínez e da edil Elvira Pisos. Pose manifestou que todos os candidatos apuntados reúnen unha alta cualificación e que o obxectivo é integrar laboralmente a aqueles que participen no programa. Agora os 70 aspirantes deberán superar un proceso do selección do cal sairán as persoas definitivamente participantes na acción. Julio Pose asegurou que un 70% dos participantes nestes programas impulsados por Bidef logra a inserción laboral na empresa en que fai as prácticas. Estas serán desenvolvidas en empresas da contorna económica, entendendo por tales as comarcas de Barbanza e Santiago. A consultoría vén de concluír unha iniciativa similar na mancomunidade do Sanlés.