Portos de Galicia asesora ás entidades náuticas para a obtención da bandeira azul

GALICIA> Portos de Galicia continúa a impulsar o asesoramento especializado ás entidades xestoras de infraestruturas náuticas para a obtención do distintivo Bandeira Azul. Con este obxectivo, o ente público que preside José Juan Durán, organizou unha reunión entre os clubes náuticos que xestionan portos deportivos autonómicos o os técnicos de Portos de Galicia e a Asociación de Educación Ambiental e Consumidores (ADEAC), entidade que outorga estes distintivos. No encontro celebrado na sede do organismo portuario, estiveron presentes unha amplia representación do conxunto dos clubes náuticos que tramitarán a solicitude para a obtención da Bandeira Azul. En total son 22 as entidades candidatas, o que supón a totalidade das que poden optar, polas características do galardón, a este premio no sistema portuario autonómico de Galicia. En concreto, o pasado ano foron 17 os clubes náuticos operadores de portos deportivos da Xunta de Galicia, que recibiron o galardón, a saber, os clubes de Ribadeo, Viveiro, Ortigueira, Ares, Sada, Marina Sada, Camariñas, Portosín, Ribeira, Cabo de Cruz, Vilanova de Arousa, San Vicente do Mar, Portonovo, Sanxenxo, Combarro, Baiona e Monte Real Clube de Iates, tamén de Baiona. De cara á próxima campaña, a estes únense cinco novos clubes candidatos: Muros, A Pobra do Caramiñal, Muxía, Cangas e Moaña, que por primeira vez optarán ao recoñecemento. Na reunión, os candidatos obtiveron indicacións técnicas e asesoramento de cara á tramitación da solicitude, que se formalizarán nos vindeiros meses.