As obras do mercado levantan novamente a polémica en Boiro

    BOIRO> Dende as filas socialistas considérase que non é unha obra prioritaria e que o investimento destinado a ese fin podería ser empregado para subsanar as actuais deficiencias das instalacións. Os primeiros en levantar a voz foron os membros da agrupación socialista. O candidato á alcaldía por esta formación política, Manuel Maneiro, referiuse a que non é unha obra prioritaria. Sen estar en contra da actuación, considera que existen outras necesidades na actual praza de abastos nas que se podería investir ese diñeiro. O mesmo pasa cos problemas que se derivan dun mal mantemento das instalacións, especialmente os cheiros que proceden da zona na que se almacenan os contedores, que non se lavan habitualmente e que non se baleiran tódolos días como debera. Tamén denuncian os problemas da cámara de frío de uso común que funciona de xeito deficiente. Para maneiro non é un problema novo, xa que en máis dunha ocasión os propios praceiros trasladáronlle ó equipo de goberno da existencia desta deficiencias que polo de agora aínda non foron subsanadas. Dende o concello, o alcalde, Xoán Xosé Dieste, xustificou a realización desta obra. Segundo el tratábase dunha zona que se atopaba nun mal estado e que mesmo representaba un claro risco de insalubridade. Aínda que recoñece que a praza presenta certas deficiencias, moitas delas de dificil solución, como é o problema de filtracións de auga. Aínda así aludiu a que nos últimos anos se desenvolveron nas instalacións importantes melloras, como é o caso do seu pintado interior. en canto a outros problemas como é o caso dos malos olores nas instalacións, o rexedor boirense volveu a insistir en que poderían deberse máis ben a un mal uso dos contedores por parte de algún que outro praceiro. respecto a obra nova, Xoán Xosé Dieste, sinalou que a actuación é moi necesaria, ademais de que foi consensuada cos propios praceiros e representantes da Asociación Boirense de Empresarios. Segundo el tratábase dunhas instalacións infrautilizadas que pretende se convirtan nun espazo dinamizador de actvidades para o propio mercado.