Boiro converterase en sede da campaña Panos Brancos contra a Droga

    BOIRO> A Fundación Galega contra o Narcotráfico volveu elixir Boiro para celebrar os actos centrais da campaña Panos Brancos contra a Droga. Diversas asociacións e entidades tomarán parte na marcha contra a droga que partirá da praza do concello a mediodía. Tras celebrar en febreiro en Boiro as xornadas deportivas dos Panos Brancos contra a droga, a Fundación Galega contra o Narcotráfico volveu apostar polo concello barbanzán para desenvolver os actos sociais desta campaña. Terán lugar este sábado no que cidadáns, asociacións, corpos e forzas de seguridade e administracións públicas berrarán conxuntamente en contra dunha lacra que ameaza especialmente á mocidade. Por este motivo, a fundación tenta promover hábitos de vida saudables e ocio alternativo para evitar o consumo precoz. Desenvolveranse actividades lúdicas durante toda a mañá aínda que o acto central será a Marcha contra a Droga que partirá da praza do concello ás doce e cuarto para percorrer as principais rúas do casco urbano. Dende o concello fan un chamamento á cidadanía a sumarse a estes actos xa que é responsabilidade de todos, especialmente das administracións, combater a droga en tódalas súas vertentes.