BARBANZA> As autoridades británicas dan por concluídas as autopsias ós corpos dos mariñeiros recuperados do naufraxio do ‘Argos Georgia’, afundido o pasado 22 de xullo fronte as costas das illas Malvinas, entre os que se atopa o do noiés Antonio Barreiro.
Segundo informaron esta mañá fontes da Subdelagación do Goberno na Coruña, agárdase que a repatriación dos cadáveres se poida realizar xa durante a fin de semana, para que as familias poidan organizar canto antes os oficios funerais.
Cabe lembrar que o afundimento deixou 14 supervivente, nove falecidos e catro desaparecidos, entre os que se atopa o ribeirense Juan Antonio García Rey, Pichón.
Mentres tanto, continúa tamén aberta a investigación para determinar as causas do naufraxio do buque.
As autoridades británicas teñen previsto tamén tomarlle declaración nos vindeiros días ós superviventes. Esta podería realizarse de xeito telemático, para evitar así causarlles máis trastornos ós mariñeiros rescatados.
Cabe lembrar que nas ultimas horas, un deles, o ribeirense José Ramón Hombre, primeiro oficial do barco, tivo que ser intervido de novo no Hospital Clínico de Santiago polos golfes sufridos durante o afundimento.