RIANXO> Ó parecer a proposta do Goberno Central para o vindeiro ano só autoriza ós barcos do cerco a capturar esta especie nos caladoiros do Cantábrico Noroeste e no Golfo de Cádiz. A flota de artes menores, na que se inclúe o xeito, volve a abrírselle unha fronte importante de cara ó vindeiro ano. Neste caso pola orde do Goberno Central no que se recolle o plan de xestión da sardiña para o vindeiro ano, no que se considera unicamente ós barcos do cerco como única especie autorizada a poder capturar esta especie nos caladoiros do Cantábrico Noroeste e no Golfo de Cádiz. O patrón maior rianxeiro considera que se non se produce un cambio de postura por parte da Administración a flota artesanal volverá a estar en grave perigo o seu futuro, polo que considera que debería producirse unha modificación e incluir a este tipo de embarcacións máis pequenas. Dende a Asociación de Armadores de Artes Menores de Galicia, Asoar-Armega, xa se solicitou á Secretaría Xeral de Pesca a modificación da orde que regula esta pesquería e estase á espera do que poida acontecer. Pola súa banda, dende a consellería Medio Rural e do Mar apostase pola negociación do plan de xestión da sardiña elaborado polo Consello Galego de Pesca, ó entender que é o que máis se axeita ós intereses da nosa flota pesqueira. Neste sentido o secretario xeral do Mar, Juan Maneiro,indicou que é imprescindible consensuar o plan primeiro entre comunidades autónomas, para despois remitilo á Secretaría Xeral de Pesca, que será quen teña que negocialo coas autoridades pesqueiras portuguesas para finalmente remitirlle o acordo ás autoridades comunitarias.
Inicio Barbanza - Muros - Noia