Os pósitos arousáns reclaman máis control contra o furtivismo

    BARBANZA > O incremento do furtivismo nas concesións marisqueiras da Ría de Arousa xerou un clima de preocupación entre o sector.

    Os patróns maiores da Ría de Arousa levan denunciando durante os últimos meses un importante incremento do furtivismo nas súas concesións. Son moitos os que responsabilizan á Xunta de Galicia da crecente presenza de furtivos que poden faenar con ‘total impunidade’ posto que escasean os servizos de vixilancia.

    Na actualidade, a confraría rianxeira conta con catro vixilantes, insuficientes para cubrir tódalas zonas dedicadas ó marisqueo. O mesmo acontece coa confraría de Cabo de Cruz, na que ademais dos seis guardas, é precisa a intervención do patrón e o vicepatrón maior nas tarefas de vixilancia nocturna. A contratación de mái vixilantes é dificil de asumir porque supón unha media de 35 mil euros anuais por traballador.

    Para o patrón maior crucense, é preciso unha maior implicación por parte da Consellería de Pesca que debería destinar máis recursos para , coa colaboración das confrarías, erradicar definitvamente o furtivismo para garanti-lo futuro da actividade marisqueira.

    Máis crítico é aínda o dirixente do pósito rianxeiro, Baltasar Rodríguez, que acusa á administración autonómica de total ‘desinterese’ ante as prácticas ilegais ó non existir un estricto control sobre a saída ó mercado dos produtos extraídos de xeito ilegal para atallar o problema. Rodríguez vai máis aló, acusando á Consellería de Pesca de tomar represalias contra os pósitos que se posicionaron abertamente en contra da política pesqueira do goberno autonómico.

    Pola contra, o patrón maior da Pobra, Manuel Maneiro, considera que o furtivismo non se incrementou nos últimos meses senón que é un problema co que o sector leva convivindo dende vello. Para o dirixente pobrés a situación non é máis preocupante que noutras épocas, como o verán, nos que existe unha maior presenza de furtivos.

    Non teñen a mesma opinión na confraría ribeiresa, na que consideran que se trata dun problema de gravidade posto que, a pesar de que a maior parte dos furtivos faenan nos bancos de libre marisqueo temen que pasen ás concesións. Na actualidade, o pósito de Ribeira conta con tres vixilantes, número insuficiente para garantir un bo seguimento da zona.

    Redacción Barbanza