Persoal de Ravella acusa a Fole de ameazar con despedimentos na área de comunicación

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/11novembro/24/xunta_persoal_concello_vila.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/11novembro/24/xunta_persoal_concello_vila.mp4{/flowplayer} 

 

VILAGARCÍA> Medra a tensión entre o persoal do concello de Vilagarcía e o goberno encabezado por Tomás Fole. Os tres traballadores do departamento de Comunicación veñen de recibir a notificación de que se avaliará a externalización da elaboración da cartelería municipal. Unha decisión que abriría a posibilidade de extinguir ou trasladar aos membros deste área, e que chega despois de que o mes pasado decidiran apagar as máquinas coas que conviven por considerar que poñen en risco a súa saúde.

Dende xaneiro de 2012, os traballadores do departamento de comunicación do concello de Vilagarcía veñen reclamando que se tomen medidas para garantir a súa seguridade. A posibilidade de verse expostos a emisións de químicos potencialmente canceríxenos levounos o mes pasado a apagar as máquinas responsables de estas emisión.

Segundo a xunta de persoal e os delegados sindicais de UXT, Comisións Obreiras e CSIF, Tomás Fole respondeu agora a esta decisión cunha clara ameaza. Nunha notificación enviada aos tres traballadores, comunica que se avaliará o custo de externalizar a elaboración da cartelería municipal. De ser o caso, advirte, estudaríase a reconversión ou mantemento dos postos.

Dos afectados, un é funcionario e dous persoal contratado. Todos emitiron un escrito pedindo axuda á xunta de persoal que hoxe quixo transmitirlles o seu apoio.

Segundo os representantes dos traballadores, o alcalde carece de argumentos e talante, e aseguran que non é a primeira vez que sofren actitudes que cualifican de ameazantes.

Na súa resolución, o goberno apunta a que os traballadores do departamento de comunicación deben retomar a súa actividade cos aparatos presentes nos seus despachos xa que, conclúe, non existe impedimento para a normal utilización desas máquinas.