LOUSAME> Lousame contará en 2021 cun orzamento de 3’8 millóns de euros. A corporación aprobou as contas para o vindeiro exercicio nun pleno extraordinario, cos votos a favor de PP e PSOE e o rexeitamento do BNG.
Os máis de 3.800.000 euros de orzamento que manexará Lousame no vindeiro exercicio constitúen unha lixeira suba, do 0’82 por cento, con respecto ás actuais contas. Destaca o importante esforzo inversor en servizos sociais, ós que se destinaá un 23 %, preto de 900 mil euros.
Destacan tamén as partidas dedicadas a infraestruturas con actuaciós como a mellora do acceso á Escabia, a pavimentación do viario no núcleo de Vilar, a pavimentación do acceso a Abelendo e do camiño Barreira-Guiende, a mellora dos accesos a Cerquides e as melloras nos camiños do Cruce do Peital a Fruíme, de Quintáns a Horta Cairo e de Camporredondo a Fontefría.
Inclúense ademais outras obras relativas a servizos básicos, entre as que destacan a mellora na captación e abastecemento de auga ó lugar de A Silva, a segunda fase da renovación de luminarias en todo o municipio, acondicionamento da pista polideportiva de Vilacoba, arranxo das cubertas dos lavadoiros de Merelle e A Barreira e a expropiación dos terreos para o sendeiro Ponte Abelendo-Caraveiras. Recóllense tamén incrementos do equipamento no Punto de Atención á Infancia e no Centro de Día, así como a substitución do alumeado no propio Centro de Día e na Casa da Cultura.
Con respecto á situación financeira do concello, a alcaldesa apuntou que Lousame presenta un aforro neto positivo de máis de 102 mil euros. A intención é seguir nesta liña de contención do gasto e de axilizar a tramitación de facturas para manter o periodo medio de cobro por denaixo dos 30 días. Teresa Villaverde indicou ademais que as contar para 2021 presentan un superávit de máis de 28 mil euros.