Novembro deixa máis parados en O Salnés e en O Barbanza

GALICIA> Os datos do paro no mes de novembro non deixan boas novas nas nosas comarcas. O Salnés rexistra 12.000 veciños que non atopan un emprego, 275 máis que no mes de outubro. No caso do Barbanza, novembro sumou 88 desempregados máis, ata acadar o total de 5.200 persoas nas colas do Servizo Público de Emprego. Só A Pobra, cun posto de traballo máis, e Meis con dous, conseguen crear emprego.

 

Nin O Salnés nin Barbanza conseguen ver a luz. Na comarca pontevedresa, novembro destruíu emprego no sector servizos, na construción e na industria, con 275 novos inscritos nas oficinas do Servizo Público de Emprego. En total, xa son 12 mil os veciños do Salnés que non teñen traballo. En Barbanza, só a industria crea emprego, pero non é suficiente para deixar datos positivos: 88 novos parados e un total de 5.200.

Entre os cinco concellos que encabezan a destrución de emprego, Ribeira rexistra o maior incremento, con 72 desempregados máis . O resto da listaxe é para municipios do Salnés: Sanxenxo con 67, Cambados con 61, 40 en Vilanova e 34 en Vilagarcía. Só A Pobra e Meis conseguen crear postos de traballo, un e dous respectivamente.

A dinámica negativa do Salnés e do Barbanza segue a do resto de Galicia. A comunidade pechou novembro con 4.588 desempregados máis, superando os 248.600. Uns datos que activan a alerta social.

En termos interanuais, a situación mellorou. Se comparamos estes datos cos do hai un ano, en Galicia hai máis de 22.200 parados menos. Pero a cantidade non se corresponde coa calidade.

Onde os datos son positivos é no conxunto de España. Novembro deixou máis de 14.600 desempregados menos, baixando a cifra ata os 4 millóns 500 mil persoas. Trátase do mellor dato neste mes de toda a serie histórica, iniciada en 1996.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/12decembro/02/paro_novembro.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/12decembro/02/paro_novembro.mp4{/flowplayer}