Polémica en Barro pola organización dunha homenaxe ó xeneral franquista Millán Astray no parque da Barosa

BARRO>  Polémica en Barro pola organización dunha xuntanza de exmilitares que, na realidade, é unha homenxaxe ó xeneral franquista Millán Astray. O concello asegura que o colectivo que impulsou o evento non conta con ningunha autorización municipal. O executivo local xa se comunicou coa Subdelegación do Goberno para evitar que o acto se celebre no parque da Barosa, tal como pretendían os organizadores.

Neste parque da Barosa, a Hermandad de Antiguos Caballeros Legionarios pretende levar a cabo unhas xornadas de actividades paramilitares na ponte de maio, nuns días nas que esta zona soe estar moi frecuentada por visitantes e turistas. Ese colectivo anunciou nun primeiro momento un encontro de exmilitares. A realidade é ben distinta e aquí xorde a polémica: trátase realmente dunha homenaxe ó xeneral franquista Millán Astray.

Segundo o programa de actividades previsto, ó que tivo acceso Canal Rías Baixas, entre o 27 de abril e o 1 de maio este espazo natural ía acoller diversos tipos de exercicios, como a busca de zulos terroristas, actividades con zodiacs ou a creación de corredores de lume.

Dende o Concello apuntan que nunca lles chegou ningunha petición ó respecto e que moito menos se tramitou ningunha autorización para que estas xornadas se puidesen celebrar en terreos de titularidade municipal.

O executivo local xa puxo a situación en coñecemento da Subdelegación do Goberno para que se garanta que este acto fascista non se acabe celebrando en terreos municipais.

O alcalde recoñece que lle resulta “molesto” que se relacione o nome de Barro con este tipo de actividades de exaltación da Ditadura. O rexedor mesmo recoñece que nas últimas horas recibiu varias chamadas de veciños ós que –segundo apuntou- non lles resulta agradable que se pretendan celebrar este tipo de actos paramilitares ó carón das súas casas.