As máscaras e o xel hidroalcohólico tamén nos acompañarán a votar o 12 de xullo

GALICIA> Galicia estreará a nova normalidade votando. As eleccións autonómicas están convocadas para o 12 de xullo, e o executivo autonómico deseñou un protocolo de medidas preventivas para garantir a seguridade sanitaria nesta cita coas urnas. A proposta principal é a aposta polo voto por correo. Ademais, os que prefiran facelo presencial terán que ir ao colexio equipados con máscaras e hixienizar as mans á entrada.

A nova normalidade chegará para os galegos cunhas eleccións autonómicas. O 12 de xullo están chamados ás urnas nunha cita que o goberno da Xunta agarda que se desenvolva de xeito tranquilo.

Porase en marcha un protocolo supervisado por Saúde Pública e que recibiu o visto bo dun comité clínico formado por unha trintena de profesionais sanitarios que traballan co coronavirus. Promoverase o voto por correo, pero para os que prefiran facelo presencial as máscaras e os xeles hidroalcohólicos estarán tamén presentes na xornada electoral.

Tamén se tomarán medidas para garantir a seguridade dos membros das mesas electorais. Estarán equipados con pantallas protectoras e contarán con catro máscaras para poder mudalas e xel hidroalcohólico. Ademais, minimizarase o intercambio cos votantes.

Manter a distancia de seguridade, establecer circuítos de circulación separados para entradas e saídas e priorizar a entrada para maiores de 65 anos e persoas con discapacidades, son outras das medidas recollidas no protocolo. Ademais, antes das votacións deberán reforzarse as tarefas de limpeza e desinfección nestes colexios, que na propia xornada limparanse un mínimo de tres ou catro veces.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí