Nadal máis solidario que nunca en Ribeira

    RIBEIRA> Un ano máis a oferta será do máis variado, tratando de satisfacer a todo tipo de público, aínda que están dirixidas especialmente ós máis pequenos da casa. As edís de Cultura e Servizos Sociais, Elvira Pisos e Mari Carmen Vizcaya, respectivamente, presentaron esta mañá a programación deseñada dende estes dous departamentos para este Nadal. Un ano máis a oferta de actividades será do máis variado, dirixidas especialmente ó público infantil. Así volverán a ofertarse os tradicionais obradoiros de arte floral e decoración de Nadal, cociña e repostería, artes plásticas ou informática e novas tecnoloxías. Tamén haberá o Pekenadal e cine, así como os tradicionais festivais que organizan diferentes asociacións do municipio. Como principais novidades do cartel deste ano figura un poboado de Nadal, unha carpa itinerante polas distintas parroquias e un taller de fotografía solidaria promovido por Emovere Studios. O concello ribeirense destinará ademais este ano unha partida orzamentaria duns cinco mil euros para que ó redor duns 120 nenos pertencentes a aquelas familias máis necesitadas do municipio reciban agasallos este Nadal. A programación arrancará mañá mesmo coa apertura, ás oito da noite, na praza de España, da pista de xeo. Un habitual xa no Nadal ribeirense.