NOIA> A sede da confraría noiesa acolleu a xuntanza da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Suárez, cos patróns maiores de Noia, Portosín, Porto do Son e Muros.
A finalidade da mesma non era outra que analizar a situación derivada dos recentes episodios meteorolóxicos adversos e a súa posible afección ós bancos marisqueiros da ría de Muros-Noia.
Durante o encontro, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro reiterou o compromiso do Goberno Galego de manter un contacto directo e permanente cos profesionais do mar, co obxectivo de coñecer de primeira man a evolución dos recursos e valorar as actuacións necesarias para favorecer a súa recuperación e sostenibilidade.
Así Ángeles Suárez aludiu á aposta que fai a Consellería para manter un control exhaustivo da evolución dos bancos, a través dos sistemas de monitorización ambiental, que permiten medir parámetros como a salinidade, temperatura, pH e outros factores determinantes para a supervivencia do marisco.
Un dos puntos que centrou tamén a xuntanza foi a demanda dos pósitos de que se estableza dunha vez un protocolo de baleirado do encoro do Tambre, que segundo eles é unha das causas máis probables da mortaldade do marisco, debido ás baixadas dos índices da salinidade das augas.











