Varios praceiros quéixanse polos cambios introducidos na carga e descarga

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/12decembro/11/denunciapraceirasboirocargadescarga1112141.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/12decembro/11/denunciapraceirasboirocargadescarga111214.mp4{/flowplayer} BOIRO> Os praceiros quéixanse do especial celo co que actúan contra eles os axentes da Policía Local, o que lles ocasiona graves prexuízos, en especial multas. Lonxe de solucionarse, o problema coa zona reservada para a carga e descarga nas inmediacións da praza de abastos da localidade parece enquistarse. Os cambios realizados pola Policía Local a instancias do equipo de goberno, despois de manter varias reunións cos propios praceiros, que comezaron a facerse efectivos este mes, non están a resultar de todo satisfactorios. Esta mañá un grupo de vendedores, na súa maioría de peixe, denunciaron a situación que están a padecer a consecuencia dos cambios introducidos. Séntense perseguidos e mesmo chegan a sinalar que o problema lles está a acarrexar graves prexuízos nos seus negocios, ademais das correspondentes multas que deben abonar. Dende o concello non comparten esta opinión, ó considerar que a medida foi tomada despois de manter varias reunións con representantes dos praceiros, nas que se chegou a un acordo de cara a corrixir o incorrecto uso que se estaba a facer da zona de carga e descarga no mercado municipal, xa que existía unha ocupación prolongada deste espazo por parte de determinados vehículos. Fontes municipais sinalaron que ese lugar está habilitado única e exclusivamente para deixar ou cargar mercadoría e abandonalo unha vez rematado este traballo, para que outros transportistas fagan o mesmo. Ademais dende o goberno local informaron de que se habilitaron varias zonas nas inmediacións da praza para poder estacionar e se lle facilitaron ós vendedores tarxetas especiais para poderen estacionar nelas.