Adxudicadas as obras da nova área de Atención Cidadá

    RIBEIRA> O executivo ribeirense informou hoxe da adxudicación das obras de acondicionamento dun local situado no consistorio que será empregado na construción dunha nova área de Atención Cidadá. A empresa Vioder será a encargada de acometer esta actuación cun orzamento de máis de 105 mil euros e un prazo de execución de tres meses. O espazo acondicionado estará conformado polo que ocupou no seu día a Policía Local antes do seu traslado ás novas dependencias. Cunha superficie construída de 182,96 metros cadrados e unha superficie útil de 157,58 metros cadrados, preténdese convertelo nun lugar diáfano no que se diferenciarán un control de información , unha sala de espera e unha gran zona de atención personalizada.Ademais, contará con catro despachos independentes e dous aseos. Unha vez realizadas as obras, espérase que o novo Servizo de Atención Cidadá entre en funcionamento antes do verán.