O PP perde a maioría absoluta en Ribeira e na Pobra

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/05maio/25/resultados_eleccions_barbanza_2505151.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/05maio/25/resultados_eleccions_barbanza_250515.mp4{/flowplayer} BARBANZA> Caída xeneralizada do PP no Barbanza que perde as maiorías absolutas en dous feudos históricos: Ribeira e A Pobra. Tan só en Boiro, os populares contan cunha cómoda vantaxe para gobernar. En Rianxo, o BNG de Adolfo Muíños consolídase como a forza máis votada. Bágoas na sede do PP de Ribeira nada máis coñecerse os resultados. Aínda que se manteñen como primeira forza co corenta e un por cento dos votos perden a maioría absolutas, pasando de trece a nove concelleiros. BNG e PSOE mantéñense con catro e tres edís e irrompe con forza Ciudadanos que contará con tres representantes na corporación. A independente Rosa García de IPdeR suma tamén un edil máis e contará con dous escanos. Na Pobra, o relevo de Isaac Maceiras pasou factura á nova candidatura liderada por Manuel Durán que tan só conseguiu o respaldo do trinta e cinco por cento do electorado, que lle outorga cinco concelleiros fronte ós sete da pasada lexislatura. A gran triunfadora é a formación de novo cuño Nós Pobra que se sitúa como segunda forza cun total de catro concelleiros, superando ó BNG con tres e ó PSOE que mantén un representante na corporación. Á espera dos contactos entre partidos, todo parece indicar que unha coalición de esquerdas tomará o bastón de mando. Tan só o PP de Boiro sae airoso da cita coas urnas mantendo a maioría absoluta con nove concelleiros e mesmo medrando en número de votos. Amplísima vantaxe fronte BNG, ICBoiro e PSOE con dous edís cada un. Completan a corporación un representante de Boiro Novo e outro de Ciudadanos, que concorrían por primeira vez. En Rianxo, o BNG convértese na forza máis votada e mantén os seis concelleiros con que contaba. Supera por primeira vez ó PP con cinco edís e o PSOE mantense como terceira forza con catro representantes na corporación. Ceden un edil cada un ó novo partido, Rianxo en Común, que contará con dous concelleiros nesta lexislatura.