Adxudicada a ampliación do hospital do Salnés con novo aparcamento ó carón

    VILAGARCÍA> Finaliza a espera. A consellería de Sanidade publicou hoxe a adxudicación das obras de ampliación do hospital do Salnés á empresa Dragados por un importe de 6.429.000 euros. É un 20 por cento inferior ó prezo de licitación. Boa nova por duplicado, xa que coa adxudicación da ampliación anunciouse a consecución dun terreo duns 3.700 metros cadrados ó carón do centro que se destinará a aparcamento. Esgotaron os prazos case ata o límite pero a consellería de Sanidade adxudicou finalmente as obras de ampliación do Hospital do Salnés. Esta mañá saía publicada a nova no Diario Oficial de Galicia. A empresa que se encargará das obras será Dragados S.A., firma que acadou a maio puntuación tanto na parte técnica como na económica, ó ofrecer un importe un 20 por cento inferior ó de licitación: 6.429.875 euros. Segundo o xerente de xestión integrada, a actuación comezará en dez ou quince días con actuacións previas de comprobación e habilitación de servizos. A esperada nova da adxudicación chegou con outro anuncio tamén moi agardado: a localización dun terreo ó carón do hospital que se habilitará como aparcamento e que tratará de suplir en parte as prazas que se perdan coa ampliación. Trátase dunha parcela anexa á empresa Fundiciones Rey, propiedade desta familia vilagarciana, que a cede gratuitamente por tres anos. Do acondicionamento da parcela encargarase a Deputación de Pontevedra. As actuacións no terreo de aparcamento acompañaranse doutras para mellorar o acceso ó centro sanitario. En principio o acordo pechado entre a familia Rey e o concello de Vilagarcía terá esa vixencia por tres anos. Mentres se vaian desenvolvendo as obras de ampliación irase avaliando o número de prazas de aparcamento que van quedando e buscando novas alternativas para ofrecer estacionamento próximo ós usuarios do hospital. O aparcamento provisional habilitado pola Deputación no terreo destinado a ampliación pecharase no momento no que comece a ampliación, pero agardan que nese tempo a habilitación deste novo terreo de aparcamento estea moi adiantado. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/12decembro/12/adxudicacionhospitalsalnes.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/12decembro/12/ADXUDICACION_AMPLIACION_HOSPITAL_SALNES.mp4{/flowplayer}