O executivo boirense procedeu á entrega das subvencións deportivas

BOIRO> Nun acto, presidido polo alcalde, Xoán Xosé Dieste, tamén se entregaron as bolsas a aqueles deportistas máis destacados durante este ano 2014. Un ano máis, o concello boirense aproveitou estas datas de Nadal para proceder á entrega das subvencións ós distintos clubs deportivos do municipio. Nesta ocasión, foron un total de 21 as entidades que concorreron á convocatoria. Cada unha delas recibiu unha axuda en base as súas necesidades e características propias, atendendo a diferentes criterios que van dende o número de licenzas, á promoción do deporte base ou mesmo ós resultados acadados na última tempada. En total o executivo destinou unha partida de máis de 48 mil euros a esta finalidade, unha cantidade importante, e que o concello non reduciu a pesar da crise, todo o contrario. Nos últimos anos aumentáronse considerablemente as axudas ó deporte, non só ós clubs senón tamén á mellora das infraestruturas deportivas. O executivo boirense aproveitou tamén o acto para entregar as bolsas de axuda ós deportistas do concello máis destacados durante este ano. As subvencións, ás que se destinaron uns 4.500 euros, recaeron nun total de 25 deportistas das máis variadas disciplinas, como é o caso do voleibol, o taekwondo, a natación, o remo ou o piraguismo, dividíndose en contías de 300, 200 e 100 euros, dependendo dos seus méritos. Ademais no acto contouse coa visita dun convidado de excepción, neste caso o campión olímpico de piraguismo Carlos Pérez Rial “Perucho”, ó que se lle tributou unha pequena homenaxe. Tamén se fixo unha mención especial a outro piraguísta, neste caso máis coñecido para a familia boirense como é Cristián Silva, que este pasado verán se convertiu en campión do Mundo en K4 en distancia de mil metros, razón pola cal o concello decidiu entregarlle a primeira medalla ó mérito deportivo. Un distintivo que agradan seguir dando nos vindeiros anos a aqueles deportistas ou clubs locais que destaquen polo seu bo facer.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí