Baixan os contaxios pero Sanidade ve ‘pouco prudente’ falar de desescalada pola presión nas UCI

GALICIA> Diminúen os novos contaxios pero a situación nas unidades de coidados críticos dos hospitais galegos segue a ser extrema. Así pode resumirse a situación da terceira vaga en Galicia. Aínda que as cifras deixan un  espazo para a esperanza, dende a Consellería de Sanidade non se quere falar, polo de momento, de desescalada. E é que, segundo Julio Comesaña, se algo se está a demostrar é que as restricións funcionan.

A terceira vaga da pandemia comeza a dar un pequeno respiro en Galicia.

Xa se empezan a notar os efectos das restricións aplicadas dende o día 13 de xaneiro, pero a situación nas unidades de coidados intensivos aínda vai tardar en mellorar.

Nos hospitais galegos están ocupadas o 69% das camas e o 13% destes pacientes teñen covid. No caso das camas de UCI, a ocupación é do 67%, dos que o 40% son pacientes covid. Por iso neste escenario, Julio Comesaña non quere falar aínda de desescalada.

Está previsto que a vindeira semana se aborden cambios nas restricións, sempre en función da situación epidemiolóxica. Polo de momento, dende o comité fan un chamamento á poboación para que siga cumprindo.

Sobre a relaxación das restricións falou tamén o presidente da Xunta no Parlamento de Galicia. Alberto Núñez Feijóo asegurou que se aplicará unha desescalada medida e gradual para evitar pasos en falso na xestión desta terceira vaga.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí