O CD Boiro busca xogadores para reforzar o plantel

BOIRO> A directiva e o corpo técnico pretenden así mellorar a actual posición na táboa clasificatoria, onde son decimosétimos con tan só dezasete puntos. Ninguén a principios de temporada presaxiaba, e máis despois da campaña realizada o pasado ano, que o Club Deportivo Boiro pasaría apuros este ano. Pero como neste deporte todo é incerto, a realidade é que a día de hoxe os boirenses ocupan postos de descenso na Terceira Galega, son decimosétimos con tan só dezasete puntos. Por esta razón a directiva e o Corpo técnico está a facer os deberes neste parón de Nadal, de cara a reforzar o actual plantel de xogadores no mercado de inverno. Dende o club apuntan a que están a traballar na incorporación de tres novos xogadores, un deles xa confirmado, o dianteiro Juan Manuel Torres tena, procedente do Marino de Luanco de Segunda División B. os outros dous poderían ser un defensa e un mediocentro, sendo xa varios xogadores cos que están en negociacións. Con estas tres fichaxes o equipo pretende contrarrestar dalgún xeito as marchas de varios xogadores, que por un ou outro motivo non acabaron de callar e decidiron abandonar o plantel, como é o caso de Gonzalo, Bendaña, Kevin Levis e Mario Tomé. Dende a directiva confíase en que os novos xogadores xa poidan incorporarse canto antes ó equipo para así seren convocados canto antes por Juan Carlos Andrés. Precisamente esta semana os boirenses xa están a preparar o seu vindeiro compromiso ligueiro. Será este domingo, catro de xaneiro, no Municipal de Barraña onde recibirán ó sempre complicado Ordes coas esperanzas de acadar unha vitoria que rache a última xeira de resultados con dúas derrotas e tres empates nos últimos cinco encontros disputados.