A Deputación paga as súas facturas ós 14 días

PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra paga as súas facturas nun tempo medio de catorce días. Este é un dos datos relativos á actividade económica do ente provincial que hoxe se presentaba en rolda de prensa; amais dunha axuda de 6.2 millóns de euros para contratar a milleiro e medio de desempregados durante o ano que ven.

A Deputación de Pontevedra ven de presentar un informe sobre a súa actividade económica durante este ano, que ascende ós 194.5 millóns de euros; 20 millóns máis que no exercicio anterior. O número de facturas pagadas neste ano supera as 14.000 e as empresas adxudicatarias ascenden ás trescentas once. Estes pagos a provedores realizáronse en prazos máis esixentes que o estipulado para as administracións públicas. Asemade, este ente provincial destinará o vindeiro ano 6.2 millóns de euros para contratar a mil cincocentos desempregados para realizar obras de servizos básicos nos Concellos da provincia durante un ano. Estes operarios serán asignados ós Concellos que así o soliciten en función da súa poboación. Os contratos serán de seis meses, con xornadas semanais de 25 horas, nos que a Deputación financiará o seu custe salarial e seguridade social. Aínda no eido laboral, a Deputación lembrou que os traballadores titulados que opten ás 200 bolsas de traballo cualificado en Concellos durante o 2015, teñen ata o día 12 de xaneiro para inscribirse. Demándanse, sobre todo, titulados en Turismo, Dereito, economía, informática ou administración e finanzas, entre outras. E tamén dentro das axudas provinciais ós Concellos, a Deputada provincial Marta Iglesias anunciou o groso das axudas destinadas á sufragar os servizos sociais dos Concellos. Estes recursos económicos serán administrados polos Concellos para que os máis necesitados poidan acceder á alimentación, ó uso dunha vivenda e ó pago dos seus recibos; así como completar o gasto farmacéutico, de produtos de limpeza ou comedores escolares, entre outros conceptos.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/12decembro/30/deputacion.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/12decembro/30/deputacion_pontevedra.mp4{/flowplayer}