O BNG arranca a precampaña coa convicción de que haberá un cambio na Xunta de Galicia

PONTEVEDRA> O BNG puxo hoxe en marcha a precampaña electoral. Luís Bará, a cabeza de lista pola provincia de Pontevedra, asegurou que será unha precampaña moi diferente ás anteriores debido á crise sanitaria pero está convencido de que é unha oportunidade para conseguir un cambio na Xunta.

O BNG arrancou hoxe o camiño cara as urnas. Un camiño marcado polo contexto de crise sanitaria que o rodea. En canto á precampaña electoral, os nacionalistas aseguran  os medios de comunicación e as redes sociais terán un gran peso aínda que non descartan que tamén se poidan realizar actos públicos na rúa.

Coa vista posta xa no vindeiro 12 de xullo, Luís Bará esixe as maiores garantías tanto sanitarias como democráticas.

Dar resposta á situación que deixará a pandemia é un dos asuntos máis importantes nestes momentos e, por iso, o BNG entende que estas eleccións son unha oportunidade para que se produza un cambio en Galicia.

Luís Bará asegura que non hai nada decidido e está convencido de que Ana Pontón pode converterse na primeira presidenta da Xunta de Galicia.