A Deputación colaborará con UNICEF para garantir o acceso á saúde dos nenos e nenas de Siria

Pontevedra> A Deputación de Pontevedra colaborará un ano máis con UNICEF nos proxectos que está a desenvolver a ONG. Nesta ocasión os fondos destinaranse a garantir o acceso á saúde de nenas e nenos en Siria.

A vicepresidenta de Unicef en Galicia deu a coñecer esta mañá o proxecto que a ONG vai desenvolver en Siria coa colaboración da Deputación de Pontevedra. Se o ano pasado a axuda da institución provincial se destinou a proxectos educativos, este ano destinaranse a equipamentos vencellados coa saúde. Gloria del Río subliñou que os ataques perpetrados en Siria diminuíron a súa calidade, ata o punto que soamente a metade dos hospitais están operativos e que unha de cada tres escolas están destruídas ou son empregadas como refuxio, ocasionando que 2,8 millóns de nenas e nenos non poida ir á escola. Ademais, informou sobre o contexto no que se está a desenvolver a axuda.

Del Río explicou que Unicef está a enviar material ás zonas sitiadas, distribuíndo auga potable e tabletas de purificación, xabón, así como proporcionando materiais educativos, instalando espazos, reparando escolas, promovendo un programa para que a infancia poida seguir os seus estudos dende a casa, entregando roupa e mantas, tratando enfermidades, prestando apoio psicosocial e protexendo ás persoas refuxiadas.

Carmela Silva, pola súa banda, destacou o importante papel que está a desenvolver Unicef para atender á infancia de todo o mundo.

A institución provincial achegará nesta ocasión 12.500 euros, dirixidos a garantir a supervivencia e desenvolvemento das nenas e nenos de Siria asegurando o seu acceso á saúde.

En concreto, a través desta achega atenderanse a 10.160 persoas a través da distribución de 10.000 kits de saúde e emerxencia para que os centros de saúde brinden a atención sanitaria básica;tamén se mercarán 2 kits pediátricos especialmente deseñados por Unicef para atender á infancia durante un mes e kits de parteira preparados para atender partos normais, que conteñen o equipamento médico necesario e medicamentos para realizar intervencións de emerxencia a mulleres sitiadas.