A Deputación da Coruña achegará 77 mil euros para o viveiro de empresas

    RIBEIRA> O alcalde, Manuel Ruíz, trasladouse esta mañá ata A Coruña para asinar co presidente da Deputación, Diego Calvo, o convenio de colaboración que permitirá a mellora das vellas instalacións do matadoiro municipal, situado na Fieiteira, para destinalas á sede do futuro viveiro de empresas. Grazas a este acordo, o organismo provincial achegará uns 77 mil euros ó concello para axudar no financiamento da adaptación deste vello inmoble. As obras no seu total contan cun orzamento duns 385 mil euros, e nace dun convenio a tres, no que colaboran, ademais do concello, a Cámara de Comercio de Santiago e a Fundación Incyde. O principal obxectivo desta iniciativa non é outro que dotar ós emprendedores e autónomos dun espazo para as súas empresas nos seus primeiros pasos. Durante este tempo facilitaránselle servizos adaptados ás súas necesidades coa finalidade de que poidan xurdir negocios de interese para o concello e para a comarca. A intención do concello é que poida entrar xa en funcionamento durante o próximo verán.