A Xunta aposta polo saneamento e as infraestruturas na comarca noiesa

    NOIA> A Xunta de Galicia consignou diversas partidas para a mellora de servizos e infraestruturas na comarca de Muros Noia ó longo deste ano. Destacan a primeira fase da rexeneración da ría noiesa, en colaboración coa administración estatal, e a dotación do alumeado no viaduto da variante de Noia. Os deputados do PP, Santiago Freire e Ramón Santos, compareceron en rolda de prensa para informar dos proxectos previstos polo goberno da Xunta na comarca de Muros-Noia. Entre os investimentos consignados para este 2015 destacan a primeira fase de rexeneración da ría de Noia que será presentada nas vindeiras semanas. Actuarase na zona máis interior procedendo á eliminación dos lodos depositados na zona así como a ampliación do abanico da ponte do campo de Noia e a prolongación do malecón para tránsito peonil. En materia de infraestruturas está prevista tamén a instalación de alumeado no viaduto da variante noiesa e a posta en servizo dos puntos de luz xa instalados na rotonda de Orro. Outras achegas por parte da administración autonómica permitirán seguir avanzando no saneamento coa posta en marcha das depuradoras de Tállara en Lousame e de Abuín en Porto do Son. E destaca tamén a aposta polos servizos sociais con proxectos como a gardería do Son na que colabora tamén a Deputación da Coruña. Estas actuacións darán continuidade ós numerosos proxectos acometidos na bisbarra ó longo do pasado ano como a variante de Noia, a reforma do coliseo Noela ou a rede de colectores xerais. Cabe destacar tamén a posta en funcionamento do centro de día de Lousame, as melloras no saneamento e abastecemento de Porto do Son ou a aposta pola eficiencia enerxética a través de caldeiras de biomasa en tódolos concellos.