RIBEIRA> A proba disputada esta pasada fin de semana en Ribeira reuniu a máis de 350 corredores.
Organizada pola asociación Arousa Neo, a cita deste domingo pechaba as Revolutrion Trail Series, despois dos trail da Cidá, San Isidro, Portosín e Portus Apostoli. O vencedor na categoría masculina, Esteban Toucedo, completaba os 42 quilómetros cun tempo de catro horas, trinta e un minutos e vinte e un segundos; por detrás del, en segunda posición entrou Carlos Lorenzo e en terceiro lugar José María Fernández. Pola súa banda a gañadora feminina Pati Martínez entraba na liña de meta cun tempo de seis horas vinte e cinco minutos e nove segundos. Por detrás dela, en segunda e terceira posición chegaban Maiuca Cortón e Paula Fernández.
Na outra das modalidades en competición, sobre unha distancia de 21 quilómetros, os vencedores foron Óscar Pérez en homes e Beatriz Barroso en mulleres.
Dende a organización destacaron a dureza da proba, percorrendo lugares e entornos emblemáticos do Barbanza, como poden ser o monte de san Alberte, a fervenza de San Amedio, o río Barbanza, a Curota ou Moldes. Á dureza do percorrido sumouse tamén a abafante xornada de calor vivida, polo que os participantes non dubidaron en aproveitar calquera fonte ou regato polo que discorría o trail para refrescarse e coller folgos. Aínda así non se produciu ningún incidente de consideración.
Comments are closed.