Seis empresas do Barbanza benefícianse do programa Leader de Medio Rural

NOIA> O delegado provincial da Xunta na Coruña visitou as instalacións da panificadora Dubraseda en Noia. Esta nova empresa aplicará tecnoloxía de última xeración ó sistema de produción grazas as axudas recibidas no marco do programa Leader de Medio Rural.

A xeración de riqueza e a fixación de poboación no rural son os principais obxectivos que persegue o programa Leader xestionado por Agader. O delegado territorial da Xunta visitaba esta mañá unha das empresas beneficiarias desta iniciativa: a panificadora Dubraseda situada no polígono de Augalevada en Noia. Aínda en fase experimental, a nova empresa lanzará ó mercado unha nova liña de produción  que combina a tecnoloxía punteira a nivel internacional coa materia prima galega.

Esta é unha das seis empresas do Barbanza que se acolleron a esta liña de subvencións que, en total, destina á comarca preto de setecentos mil euros.

Precisamente, entre eses seis proxectos, destaca unha iniciativa pública que tamén se está a desenvolver en Noia: a creación dun albergue de peregrinos na antiga fabrica de curtidos da Chaínza.