Espectacular accidente sen feridos na autovía do Barbanza

    RIANXO> O suceso producíase esta mesma tarde, ó redor das catro, na autovía do Barbanza, na saída de Rianxo, en dirección a Padrón, aínda que por fortuna sen feridos de consideración. No sinistro víronse implicados dous turismos, un Ford Fiesta e un Chevrolet Matiz. Este último foi o máis prexudicado, ó sairse da calzada despois de colidir co outro vehículo e dar varias voltas de campana. Os dous ocupantes do mesmo, unha nai e o seu fillo, que era ademais o que conducía, puideron saír polo seu propio pé. Menos danos presentaba o outro turismo implicado, o Ford Fiesta, cun golpe na parte frontolateral. O seu ocupante tampouco sufriu feridas de consideración. Ata o lugar do accidente desprazáronse efectivos do parque comarcal de bombeiros de Boiro, así como tamén Protección Civil de Rianxo e Garda Civil de Tráfico e Atestados. Durante varias horas, ata a retirada dos vehículos e a limpeza da calzada, a circulación estivo restrinxida.