O berberecho de Noia contará cun selo de calidade a finais de ano

    NOIA> A confraría de Noia contará cunha marca de calidade propia do berberecho da ría a finais de ano. O pósito iniciou unha serie de accións promocionais enmarcadas nun plan estratéxico a desenvolver ata o 2020. A exhibición de cociña realizada esta fin de semana no marco do Forum Gastronómico foi tan só o primeiro paso dun ambicioso proxecto plurianual tralo cal o berberecho noiés contará cun selo de calidade. A confraría estima que o distintivo será unha realidade de cara á vindeira campaña, o que implicará unha serie de beneficios para o produto estrela da ría. Especialmente, a diferenciación fronte ó bivalvo procedente do fóra. Tras estes primeiros pasos, centrados especialmente en promocionar as bondades do berberecho de Noia, a confraría seguirá coas accións enmarcadas no plan estratéxico que xa lle trasladou á Xunta. Entre outras, figuran a ampliación da capacidade da depuradora.