BOIRO> A rúa peonil acollerá o vindeiro sábado 6 de maio a décima edición do ‘Maio Vintage’. Unha actividade organizada polo colectivo Creaturas que co paso dos anos se está a converter nunha cita case obrigada no eido cultural e social da localidade, coa singularidade de que é unha iniciativa que parte da propia veciñanza.
Xa hai inscritos preto dos 50 postos que se instalarán ó longo de toda a rúa peonil.
Este ano a cita chega ó seu décimo aniversario, polo que a organización decidiu realizar tamén unha programación especial con varios escenarios con animación musical, obradoiros e outras actividades dirixidas a todo tipo de públicos.
A actividade conta este ano ademais cunha maior implicación, tanto do Concello como da Asociación Boirense de Empresarios.
Dende esta última entidade destacaron a importancia desta cita que axuda tamén a dinamizar o tecido comercial e hostaleiro da localidade.
Boa parte das actividades que se van a levar a cabo están financiadas con cargo ós fondos Next Generation que o Concello recibiu do Ministerio de Industria e Turismo por importe de máis de 237 mil euros para o impulso comercial e a modernización do centro comercial aberto de Boiro.