AMBAR promove a inserción laboral dos seus usuarios a través de prácticas en empresas

    BOIRO> A asociación de persoas con diversidade funcional do Barbanza, AMBAR, segue a traballar no plano da inserción laboral deste colectivo. A última iniciativa foi a organización dun curso de comercio en colaboración co Fondo Social Europeo e a Consellería de Política Social. Tras rematar as clases teóricas, os alumnos están a desenvolver prácticas en empresas da comarca. Oito usuarios de AMBAR participaron no curso de actividades auxiliares de comercio. Tralas xornadas de formación teórica, os mozos están a realizar prácticas en varias empresas da comarca. É o caso de Olaia que o pasado día oito iniciaba a súa aventura laboral no supermercado Día de Boiro. Repoñendo, no almacén ou axudando ós clientes. Non hai nada que se lle poña por diante. As súas ganas de aprender e o seu optimismo fixeron que en tan só dúas semanas xa se gañara o cariño e admiración de tódolos seus compañeiros. Este día a día nun posto de traballo é o obxectivo que, como Olaia, perseguen moitas persoas con discapacidade. O certo é que, a pesar do avanzado en temas de inclusión social, a inserción laboral segue aínda moi lonxe de normalizarse. Non é a primeira vez que a cadea de supermercados DIA acolle iniciativas deste tipo. Especialmente en Galicia, pero tamén no resto de España, teñen en marcha diversas liñas de apoia entidades sociais que traballan pola integración. De aí que atenderan coa maior premura a solicitude de colaboración de AMBAR, dando tódalas facilidades para que Olaia pasara a formar parte temporalmente do seu equipo. Ó igual que DIA, sumáronse a esta iniciativa os supermercados Gadis de Boiro e Ribeira, o Hipergadis de Ribeira, a tenda de ultramarinos A de Etelvina en Aguiño, a ferretería Portoferr de Ribeira e a tenda multiprecio Cosmos de Ribeira.