Fondo pesar en Compostela e Barbanza pola tráxica morte de Juan Carlos Ulla

    RIBEIRA> O que fora durante anos presidente da Asociación de Consumidores Galegos falecía onte domingo mentres practicaba submarinismo na praia da Ameixida. O suceso producíase ó redor das tres da tarde de onte. Outro mergullador que se atopaba nese momento na praia da Ameixida, en Castiñeiras, foi o que atopou o corpo da vítima a poucos metros da costa. El foi o encargado de dar a voz de alarma, mobilizándose inmediatamente un importante operativo de emerxencias. Ademais de persoal sanitario do 061, Policía Local e Nacional, ata o lugar desprazouse tamén un helicóptero. Á falta da confirmación dos resultados da autopsia, todo parece indicar que a morte se debeu a un paro cardíaco. Nada máis coñecerse a identidade do falecido, a nova causou unha gran repercusión non só na comarca senón tamén en Compostela, de onde era natural a vítima, xa que se trataba dunha persoa moi coñecida. Juan Carlos Ulla foi o fundador e presidiu durante moitos anos a Asociación de Consumidores Galegos, realizando un traballo moi activo na defensa dos dereitos do consumidor.

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Por favor, engade un comentario!
    Por favor, engade o teu nome aquí