Medicina ó alcance de todos na V Aula de Saúde

    NOIA> Co obxectivo de seguir divulgando coñecementos científicos entre a sociedade, o concello de Noia organiza a quinta edición da Aula da Saúde. Destacados profesionais abordarán diversos eidos da medicina así como dos recursos médicos e asistenciais dos que dispón a comarca. A saúde é cousa de todos. Por esta razón, o concello de Noia pretende facer partícipe á poboación dos coñecementos médicos necesarios para fomentar hábitos de vida saudable. dentro do programa Noia Saudable organiza, por quinto ano consecutivo, a Aula da Saúde que dará comezo este xoves. Profesionais médicos de diversas especialidades abordarán aspectos da saúde dende diversas perspectivas. Dende cuestións tan cotiás como o uso de anticoagulantes como o sintron ata información de utilidade como os servizos sociosanitarios que se atopan a disposición dos usuarios na comarca. Tamén estarán presentes no programa desta quinta aula outros temas de interese como a doazón e transplante de órganos ou os trastornos psiquiátricos en nenos e adolescentes como pode ser o autismo. Tódalas charlas correrán a cargo de recoñecidos profesionais da medicina como por exemplo Alfredo García Allut, do servizo de neuroloxía do CHUS, ou Ángel Carracedo da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica. As charlas desenvolveranse tódolos xoves ata o 26 de marzo ás oito da tarde no coliseo Noela. Os interesados en asistir de maniera sistemática a tódalas ponencias deberán formalizar inscrición aínda que a entrada a calquera das charlas será aberta e gratuíta para calquera cidadán que o desexe.