Adxudicadas as obras de mellora do bordo da praia sonense do Cruceiro

PORTO DO SON> A consellería de medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará na recuperación da praia urbana do Cruceiro, en Porto do Son.

O importe da actuación que vén de ser adxudicada hai uns días ascende a preto de 210 mil euros, dos cales o 70% serán aportados polo Executivo Autonómico e a contía restante será achegada polo Concello.

A actuación, que pretende poñer en valor preto de catro mil metros cadrados de superficie na zona portuaria da vila, prevé a demolición dos muros de formigón e o pavimento existentes. No seu lugar instalarase unha nova pasarela en madeira.

A actuación recolle tamén a instalación de abastecemento e saneamento para dar servizo ós usuarios da praia, coa colocación de duchas e lavapés, e novo alumeado.

A iniciativa forma parte do denominado plan Hurbe, posto en marcha polo Goberno Galego, para promover o desenvolvemento das vilas e dos núcleos rurais con criterios de sustentabilidade económica, medioambiental e social.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí