BOIRO> Cinco anos de cadea e unha indemnización de 151 mil euros. Esta é a petición da Fiscalía para unha boirense acusada de estafar á comunidade de montes de Montaña, Montañó-Piñeiro e Escobias, da que asumiu a xestión económica durante dez anos, tempo no que o seu pai foi o tesoureiro da entidade.
A Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña acolleu o xuízo contra unha ex traballadora social do concello de Boiro acusada dun delito de falsidade en documento mercantil. A Fiscalía pide cinco anos de cadea e unha miulta de 20 euros de cota diaria así como unha indemnización de máis de 150 mil euros para a comunidade de montes de Montaña, Montañó-Piñeiro e Escobias.
A acusada asumiu a xestión económica da entidade entre os anos 2004 e 2014, período no que cobrou por caixa 151.154 euros realizando retiras en efectivo. O escrito da Fiscalía recolle que no recibí dos documentos bancarios de reintegro estampaba a súa sinatura e engadía unha autorización na que imitaba a firma das persoas autorizadas na conta, poñendo sobre as sinaturas o selo da comunidade de montes.
A investigación iniciouse a finais do ano 2013 cando a comunidade cambiou de presidente, quen detectou os movementos irregulares ó acudir ó banco a consultar o estado das contas da entidade.
A acusada exerceu tamén como responsable do departamento de Servizos Sociais do concello de Boiro ata o ano 2015, cando foi apartada das súas funcións ante as sospeitas de irregularidades no desempeño do seu cargo xa que, ó parecer, realizaba xestións paralelas polas que cobraba ós usuarios dos servizos sociais.