Centos de veciños reclaman polas rúas de Portosín a instalación dun paso de peóns

PORTO DO SON> Tal e como anunciaran, un nutrido grupo de veciños do barrio do Mariño en Portosín, saíron onte domingo á rúa para reclamar a instalación dun semáforo e un paso de peóns na zona. Chegaron a esta mobilización despois de varios anos de solicitudes, sen recibir éxito algún. A protesta de onte xa deu os seus froitos, e a consellería de Infraestruturas e Mobilidade anunciou esta mañá que si fará esta actuación.

Máis de cincocentas persoas, na súa maioría residentes no coñecido como o barrio do Mariño, pero tamén turistas e veciños en xeral, quixeron participar a última hora da tarde de onte na mobilización convocada por eles mesmos para reclamar un semáforo e un paso de peóns para a zona. trátase dunha solicitude de vello, que por unha ou outra razón a día de hoxe non foi atendida. A marcha, que transcorreu tranquila e sen incidente algún, estaba encabezada por unha pancarta na que podía lerse ‘Seguridade Vial, para que todos os veciños crucen sen perigo’. Partiu da propia estrada AC-550, para percorrer posteriormente boa parte do casco urbano e regresar de novo ó punto de inicio. Os organizadores destacaron a alta participación, e tiveron críticas para o executivo local, que nin se personou na protesta, nin tampouco enviou á Policía Local nin a ningún membro de Protección Civil, tal e como se comprometera. Aínda así a protesta xa tivo os seus efectos. E resulta que nin un día tardou a consellería de Infraestruturas e Mobilidade en dar resposta ós veciños e autorizar ó concello de Porto do Son para a instalación dun paso de peóns regulado cun semáforo nesa zona. Aínda que tarde a Xunta, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, con esta autorización pretende atender a demanda dos residentes, que dende hai anos viñan reclamando a instalación dun paso de peóns, que garantira a súa seguridade, xa que se trata dunha zona de escasa visibilidade.