Rescatan ilesos ós tripulantes dun pesqueiro afundido en Baroña

    PORTO DO SON> Un palangreiro, o ‘Elenita Dous’, con base en Noia, afundiuse esta madrugada fronte ó castro de Baroña, en Porto do Son. Os tres tripulantes da embarcación resultaron ilesos, ó seren rescatados por outra embarcación que se atopaba na zona e que acudiu no seu auxilio ó escoitar a mensaxe de socorro. Coa aínda recente dor polo naufraxio do ‘Paquito Número Dous’, o mar estivo a piques de golpear cunha nova traxedia á comarca do Barbanza. O palangreiro ‘Elenita 2’, un barco de madeira duns vinte anos de antiguidade e dez metros de eslora con base en Noia, aínda que operaba con regularidade en Porto do Son, afundía esta pasada madrugada fronte ós castros de Baroña. O suceso producíase ó redor das cinco da mañá, hora na que partiu a mensaxe de socorro e da que posteriormente informou Salvamento Marítimo. Unha vez rescatados, os tres mariñeiros do ‘Elenita Dous’ foron trasladados ata o peirao de Porto do Son, onde recibiron asistencia, sen ser necesario xa a súa evacuación a un centro sanitario. As primeiras hipóteses apuntan como causa máis probable do naufraxio a un fallo no motor. O naufraxio produciuse ademais nun momento no que Galicia está a verse afectada polos efectos dunha importante borrasca, cuxos efectos serán maiores a partir de mañá. Xa se activou alerta laranxa por ventos que poderían superar os cen quilómetros por hora na costa, con ondas de ata sete metros e ventos de forza oito no mar.