Boiro continúa co plan de humanización na rúa Estatuto de Galicia

    BOIRO> O concello de Boiro está a acometer, con cargo a fondos municipais, a peonalización da rúa Estatuto de Galicia. Con esta obra, que ascende a preto de douscentos mil euros, o executivo dá continuidade ó proxecto de humanización do casco urbano no que leva investidos máis dun millón de euros. A peonalización da rúa Estatuto de Galicia supón un novo paso adiante no proxecto de humanización do casco urbano de Boiro. As obras, que estarán executadas nun prazo de dous meses, supoñen un investimento de douscentos corenta mil euros con cargo ás arcas municipais. O obxectivo é dinamizar o comercio local e mellorar a accesibilidade do casco urbano a través dun plan municipal no que o executivo leva investidos xa máis dun millón de euros. A actuación contempla a pavimentación con lousas de pedra a través dun innovador sistema que combina estética e funcionalidade xa que permitirá un menor deterioro co paso do tránsito rodado que dará servizo a comercios e residentes. Acometerase tamén a renovación dos servizos e soterramento da cableado. Unha vez rematada a actuación, o concello ten previsto executar unha segunda fase para completar o proxecto de peonalización da rúa.