O concello de Ribeira mellora as conexións internas do polígono de Xarás

    RIBEIRA> O executivo ribeirense informou da adxudicación, con carácter provisional, da pavimentación e renovación de pluviais de dous viais no polígono industrial de Xarás. A empresa que obtivo a mellor clasificación foi Canarga, SL, ó presentar unha oferta para realizar a obra de máis de 54 mil euros, IVE incluído. A actuación prevista permitirá mellorar dúas vías interiores de comunicación do parque empresarial, que na actualidade se atopan bastante deterioradas, con numerosos baches e socavóns, ó longo do seu percorrido, que mesmo dificultan o paso dos vehículos. Aproveitarase a obra para proceder tamén á renovación das tubaxes de pluviais que cruzan a calzada, ademais de poñer a cota as tapas de pozos e arquetas existentes. O prazo de execución da obra é dun mes e medio.