O xeito supera o exame da Comisión Europea de Medio Ambiente

    BARBANZA> Satisfacción entre a flota do xeito trala votación favorable da Comisión Europea de Medio Ambiente. O informe presentado polo deputado italiano Marco Affronte saíu adiante cunha ampla maioría dos parlamentarios que inciden no carácter artesanal e selectivo desta arte, polo que non está xustificada a súa prohibición. Cumpríronse as mellores expectativas da flota do xeito que tiñan depositada a confianza no compromiso europeo de velar pola continuidade desta arte. A Comisión de Medio Ambiente votou a favor de excluír esta actividade da prohibición de redes á deriva apoiando por cincuenta e un votos a favor e tan só once en contra o informe do deputado italiano Marco Affronte que incide no mínimo impacto ambiental desta actividade tradicional. Aínda que o dictame de medio ambiente non é vinculante, supón unha pequena vitoria na batalla iniciada polos xeiteiros para defender o seu medio de vida. Da man do BNG chegaron a desprazarse ata Bruxelas para expoñer ante os responsables europeos os criterios que regulan a pesca do xeito. Ademais da votación favorable, os xeiteiros recibían hai uns días outra boa nova coa publicación dunha orde que reserva unha parte do TAC da sardiña. Malia que esta decisión lles permite volver a pescar esta especie, inicialmente só autorizada para o cerco, os nacionalistas avogan porque non se establezan cotas para o xeito pola súa escasa incidencia no caladoiro. Aínda que o compromiso é firme e semella que Europa ten vontade de rectificar, a incerteza sobre o futuro desta arte de pesca non se resolverá ata finais de marzo cando terá lugar a votación da comisión de Pesca, encargada de decidir se o xeito queda fóra da prohibición.