Luciano Sobral presenta un programa ambicioso e economicamente viable

    lucianosobral100_100507.jpgPOIO > O equipo encabezado por Luciano Sobral asegura que o seu é un programa ambicioso que continúa cos proxectos …

    … xa iniciados e que incorpora novas propostas, todas elas, di, economicamente viables.

    A creación de emprego é unha das principais apostas do BNG para seguir gobernando en Poio outros catro anos máis. E dentro disto, a creación de solo industrial é unha das prioridades. Din os nacionalistas que o Parque empresarial de Fragamoreira estará listo nun ano, pero a súa idea é aumentar o solo industrial no municipio. Para iso xa teñen estudadas varias bolsas de terreo, aínda que non especificaron o emprazamento exacto para ‘evitar especulacións’.

    No apartado de comunicacións o BNG aposta polo vial do Bao, as circunvalacións de Combarro e Raxó e en darlle carácter de avenida á a PO-308 ó seu paso polos núcleos de San Xoán, Combarro e Raxó. No programa recóllense tamén sendas peonís entre Pontevedra e Campelo, Campelo e Combarro, e Cobelo e O Laño. En infraestructuras, os nacionalistas falan da creación de museos, do porto deportivo de Combarro, da ampliación do porto de Campelo, ou da depuradora de Raxó. Tamén dun novo centro de Saúde con servizos ambulatorios e atención continuada as 24 horas do día.

    En deportes, apostan pola piscina municipal, e dous novos pavillóns. Mentres que en espazos públicos a intención do BNG é que haxa 10 metros cadrados por habitante de espazos verdes e ordenados. Xa conseguiron 90 mil metros cadrados e en vistas teñen outros 35 mil, entre os que están a Alameda de Raxó, a praza da Granxa ou o Parque da Memoria. Proxectos moi ambiciosos e realizables, porque, segundo o BNG o Concello ten capacidade de investimento e receptividade do novo goberno da Xunta.

    Redacción Salnés