RIBEIRA> O concello de Ribeira renunciou á xestión da lonxa. Así o acordou o consello local de pesca como paso previo ó concurso para a xestión das novas instalacións. A xestión da nova lonxa de Ribeira deixará de ser municipal. Así o aprobou o consello local de pesca trala solicitude de Portos de Galicia que demandaba este trámite como requisito previo para poder sacar a concurso a xestión da nova infraestrutura. Sen embargo, os membros do consello establecen como condición á renuncia que Portos autorice ó concello ribeirense a seguir actuando como concesionario ata que se resolva o concurso. Unha vez ratificado este acordo, manteranse unha serie de xuntanzas coas vendedurías que operan na lonxa para expoñer o cambio de titularidade. A reunión do consello serviu ademais para analizar os datos de descargas e facturación do pasado exercicio. Os resultados revelan un incremento en canto a descargas con preto de trinta millóns de quilos e en facturación, roldando o balance anual os trinta e cinco millóns de euros. Por especies, o lirio segue á cabeza das descargas con nove mil seiscentos toneladas. Ségueno o xurelo con seis mil trescentas toneladas e o cabalón con catro mil. Ademais do alcalde e representantes dos grupos municipais, asistiron á xuntanza o vicepresidente do Consello Local, Manuel Lampón, o administrador da lonxa, Xosé Manuel Orellán, o delegado comarcal da Consellería do Mar, Andrés Pérez, e os patróns maiores de Ribeira e Aguiño, José Antonio Pérez e José Antonio Santamaría.
Inicio Barbanza - Muros - Noia









