RIBEIRA> Xosé Antonio Vázquez Cobas será o candidato do BNG á alcaldía de Ribeira. A elección definitiva do cabeza de lista producíase na asemblea aberta celebrada este sábado. A militancia nacionalista ratificou a candidatura de Xosé Antón Vázquez Cobas que xa é oficialmente o candidato do BNG de Ribeira para as vindeiras eleccións municipais. Os compañeiros resaltaron o labor de Cobas asumindo a portavocía do partido nun momento difícil para a agrupación local. Tras estes anos de traballo, o xa candidato asume este reto co obxectivo de achegar a política á cidadanía a través dun proxecto aberto que integre a militantes e non militantes. Trala ratificación da súa candidatura, Vázquez Cobas traballa xa na elaboración do programa e da lista electoral. Malia que non están decididos os nomes dos que o acompañarán na loita pola alcaldía, o candidato xa adiantou que nos primeiros postos da lista haberá varios nomes de persoas que non militan no partido, o que dá idea do proxecto aberto e global que pretende iniciar o BNG.
Inicio Barbanza - Muros - Noia









