As peñas de Boiro volverán a encher a Cachada este sábado

BOIRO> A Comisión de Peñas Boiro organiza este vindeiro sábado 19 de agosto no parque da Cachada a terceira edición da Romaría das Peñas.

Despois de dous anos sen poder realizala a consecuencia da pandemia, recupérase así unha actividade con gran aceptación.

O programa previsto para ese día arrancará á unha do mediodía cunha sesión vermú que estará amenizada polo grupo La Movida. Sobre as tres da tarde comezará o xantar popular, que este ano contará ademais coa colaboración do cociñeiro Miguel Mosteiro que se encargará de realizar unha gran paella para tódolos asistentes.

Xa pola tarde, as actividades continuarán coa festa da escuma e xogos tradicionais. Para pechar o día cunha festa holi, outra das novidades desta edición, e animación musical.

A Romaría deste ano servirá tamén de despedida para o actual presidente, Quin Riveiro, que deixará o cargo despois de varios anos á fronte da Comisión de Peñas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí