RIBEIRA> A Conselleira do Mar desprazouse ata a parroquia ribeiresa de Aguiño para manter un encontro con representantes da confraría de pescadores.
{flowplayer}barbanza/conselleiramaraguino.flv{/flowplayer}
Á súa chegada a Aguiño, a Conselleira do Mar, Rosa Quintana, foi recibida polo patrón maior da confraría de pescadores, Xosé Manuel Oujo, e o alcalde Xosé Luís Torres Colomer.
Antes de iniciar a xuntanza de traballo cos membros do cabildo, a responsable autonómica acompañada da directora xeral de desenvolvemento pesqueiro e o xefe territorial da provincia da Coruña, tivo ocasión de visitar o emprazamento contemplado para a nova EDAR no anteproxecto. Precisamente nesta zona, ubicada no lugar de Couso, aséntase un dos principais bancos de percebe ademais de tratarse dun espazo enormemente rico para a pesca; un dos principais motivos polos que a confraría rexeita ubicar alí o emisario.
Na busca de consenso
A conselleira de Pesca, comprometeuse a encargar novos informes sobre a actividade e as especies que se capturan nesta área. Transmitiu ademais o compromiso do propio Conselleiro de Medio Ambiente de contar co criterio do sector pesqueiro e marisqueira para elaborar o proxecto máis axeitado para a EDAR de Ribeira.
Dende a confraría acolleron con satisfacción o compromiso da administración autonómica posto que consideran que a colocación do emisario nunha das zonas máis ricas da ría supón un importante risco para o futuro do sector. Por elo, insisten na necesidade de elaborar informes que recollan a realidade da zona, ata a que se desprazan a traballar profesionais das confrarías de toda a ría.
Tras esta primeira toma de contacto coa responsable do Mar, e unha recente reunión mantida con Augas de Galicia, os membros do pósito confían en que o anteproxecto sufra modificacións unha vez elaborado o estudo de impacto medioambiental.
Remodelación portuaria
Ademais do sistema de depuración, durante a xuntaza abordáronse outros asuntos. Entre eles, a necesidade de ampliación dalgunhas instalacións portuarias ou unha serie de proxectos plantexados pola confraría para mellorar o sistema de comercialización.
A Conselleira do Mar acolleu con intereses as propostas formuladas polo patrón maior de Aguiño. Entre elas, a necesidade de ampliar a zona das ramplas para que os profesionais poidan dispoñer de máis espazo para as embarcacións. A este respecto, Rosa Quintana informou de que a mellora do recinto portuario xa está entre os plans do departamento que dirixe e está prevista unha próxima visita do presidente de Portos para estudar o proxecto sobre o terreo.
Melloras na comercialización
Tamén se comprometeu a apoiar todas aquelas propostas encamiñadas a mellorar o control na trazabilidade dos produtos e ampliar mercados.
Trala reunión co pósito aguiñense, Rosa Quintana mantivo un encontro cos responsables da confraría de Ribeira enmarcado na súa rolda de toma de contactos cos distintos representantes do sector do mar de toda Galicia.
Redacción Barbanza