A FEB promove a presenza das pemes en internet a través de Triwus

    BOIRO> A Federación de Empresarios do Barbanza asinou un convenio coa empresa de deseño gráfico Triwus. Mediante este acordo, os asociados das diferentes patronais que conforman a FEB contarán con condicións vantaxosas á hora de contratar servizos que contribúan á súa dinamización en internet. O convenio asinado esta mañá pretende abrir a porta das novas tecnoloxías ós asociados das distintas patronais integradas na FEB. Así, a empresa boirense Triwus, que leva varios anos traballando na creación dunha plataforma dixital para o pequeno comercio, ofrece interesantes descontos á hora de contratar os seus servizos. Os asociados poderán optar por contratar unha páxina web personalizada como escaparate do seu negocio ou ben incluír tamén o servizo de venda on line. No primeiro caso o custo sería de trescentos oitenta euros e o segundo catrocentos noventa, o que supón un aforro de máis de cen euros en cada un dos servizos. O obxectivo da Federación, a través desta acordo, é potenciar a presenza das pemes na rede para favorecer a súa competitividade.