O Vilalonga desprázase a Vigo coa defensa en cadro

futbol250_201109.jpgSALNÉS> O Vilalonga acapara tódalas miradas esta xornada despois dunha semana convulsa na que se vivíu a marcha do equipo de Jose Lozano. O domingo visitan ó Rápido de Bouzas con inumerables baixas en liña defensiva.

O vestiario do Vilalonga ponse a proba esta fin de semana en Vigo e por dúas razóns: unha psicolóxica, para ver como afecta ó plantel a marcha por sorpresa dun dos pesos pesados do vestiario como Lozano, e tamén para avaliar os recursos dos que pode tirar Gabi Leis en situacións límite. E é que sen o de Vilalba, con Miguel e Jacinto, sancionados e Leo lesionado, Tachi é o único central dispoñible. Sí semella que poderá estar no lateral Sarró, recuperado da súa gripe. Con todo, a liña defensiva será inédita para visitar a un Rápido ó que só gañou unha vez no Baltasar Pujales. De vencer, os celestes darían un paso importante sumando xa 20 puntos nesta primeira volta que lle outorgarían confianza e vantaxe sobre varios rivais para cumplir o obxectivo da permanencia.

Tamén é obxectivo do Céltiga a permanencia aínda que dende a directiva xa se lle deu un toque de atención ó plantel ó que lle exixen un plus de esforzo. Teñen unha boa oportunidade para estrear o seu casilleiro de victorias fóra da casa ante o pechacancelas da competición, o Verín, que ata o de agora só sumou catro puntos.

Na preferente Sur, o Portonovo recibe en Baltar ó equipo que lle precede na clasificación, o Barbadás. Dous candidatos ó ascenso que miden as súas forzas nun choque que para os arlequinados é de vital importancia para crerse definitivamente que poden estar cos de arriba. Aínda queda moita liga pero este é deses partidos que poden marcar a tendencia dun equipo.

O Arousa xa máis descolgado busca reencontrarse a sí mesmo en Celanova. Coa única baixa de Miguel Cobas por sanción ós de Ricardo non lles queda outra que gañar para non descolgarse definitivamente do grupo de cabeza. Esta semana o nixeriano John foi descartado polo que a directiva sigue na procura dun dianteiro que acompañe a Zaca.

O Ribadumia, coas baixas por sanción de Joao Rocha e Alberto García desprázase ata a Baiuca para enfrontarse ó Estradense, segundo na xeral. Praza complicada para os de Carducho agora sumidos en postos de descenso.

O Cambados busca darlle continuidade a súa boa traxectoria en Burgáns ante o Tomiño. Cascallar non poderá estar por ter cumplido ciclo de amonestacións.

Ademais o Sanxenxo recibe ó Cruceiro no Revel, nun partido que se presume igualado xa que ambos conxuntos sitúanse na metade de táboa.

Redacción Salnés