Mehdi Naboui e Edimar Brea vencen na novena edición da Sin-Son 10K

PORTO DO SON> Logo da xornada do sábado, destinada a categorías base, onte domingo tiña lugar a novena edición da Sin-Son 10k, unha das probas máis importantes do calendario autonómico.

Na proba tomaron parte uns 1.500 corredores. O total das prazas previstas pola organización.

Ó éxito participación, sumóuselle tamén o alto nivel competitivo, con atletas de alto nivel que quixeron participar nesta carreira, dándolle maior prestixio se cabe á proba.

Na categoría absoluta masculina o vencedor foi o atleta marroquí, aínda que afincado na Estrada, Mehdi Naboui. Completou os once quilómetros que separan as localidades de Portosín e Porto do Son un tempo de 31:48.

Por detrás del, a tan só 8 segundos entrou o segundo clasificado, o atleta internacional Reyes Estévez, un dos convidados da organización.

A terceira praza foi para Jorge Puig.

A proba na categoría feminina estivo dominada polas irmáns Edimar e Joselyn Brea. As dúas entraron xuntas na liña de meta, parando o crono en 34:55.

Completou o podio en féminas Laura Santos, vencedora na edición de 2021. Pero máis alá do afán puramente competitivo, dende a organización volveron destacar o éxito de participación, xuntando a corredores de gran nivel deportivo con outros amateur, o que realza moito máis se cabe esta proba.

Foi sen dúbida un día de festa, na que prevaleceu por riba de todo o bo ambiente e as ganas de disfrutar dunha carreira que co paso dos anos se está a converter nunha cita ineludible para os cada vez máis afeccionados ó ‘runner’.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí