NOIA> Máis de 500 corredores tomarán parte na Carreira Pedestre Nocturna de Noia Memorial Hipólito Rey ‘Polo’. Ademais do éxito de participación agárdase gran afluencia de público posto que se trata dunha proba moi vistosa que discorre polo casco urbano.
A carreira pedestre nocturna de Noia é unha das citas deportivas con máis tradición no municipio. Este ano acada xa a súa 25 edición cunha altísima participación posto que conta xa con máis de medio milleiro de inscritos. Desenvolverase mañá a partir das oito e media da tarde cando tomarán a saída as categorías escolares dende a alameda para dar paso unha hora despois á proba absoluta, consistente en dúas voltas a un circuíto urbano de 4 quilómetros.
Ó remate das carreiras terá lugar a entrega de trofeos na que se realizará tamén unha sentida a homenaxe a Hipólito Rey Polo, gran impulsor non só desta proba senón do atletismo a nivel local.
Dende o concello animan ós noieses a achegarse ata a Alameda para animar ós corredores nunha proba moi vistosa que discorre polo centro da vila.